Un espectáculo grande para xente miúda
A nena e o grilo soa a pop, a rock, a música de autor pero tamén a beliscos de folk, reggae ou bossa nova, sons que todos os que participan no proxecto viven dalgún xeito e aos que o novo público comeza a achegarse nestes os seus primeiros concertos.
Conta contos a través de cancións ao fío da amizade dunha nena e un grilo. Os dous personaxes descóbrennos emocións e sentimentos, apréndennos a vivir, e fan que nos mergullemos nun universo máxico e ilusionante.
E que pasa en A nena e o grilo? Pasa que todos os públicos se divirten, xogan cantando, entretéñense, aprenden, tiran fóra os prexuízos, achéganse á música de forma participativa, ilusiónanse con que a vida está chea de facetas creativasl e comunícanse. Tamén acontece que os máis cativos adéntranse na música, a literatura e a arte pasándoo en grande e sentíndose grandes nun universo de pequenos.
A nena e o grilo chega aos escenarios despois de ser presentado en libro-CD-DVD por parte da editorial OQO na súa colección Qson. Para dar luz a este traballo de tantas dimensións creativas, Magín Blanco contou coa produción musical de Uxía Senlle, a presenza sinalada de Iván Prieto, na ilustración, e a participación de coñecidos músicos e músicas como Guadi Galego, Ugía Pedreira, Fred Martins ou Traci Dávila, amais dun coro infantil.
queres estar ao día das últimas informacións de non sí?